Na procura da Rede ideal

O CPETIG lembra no Día da Internet Segura que a información privada exposta en liña non cesa de medrar

A do pasado martes 10 de febreiro foi unha xornada para reflexionar sobre como queremos que sexa a Sociedade da Información: un sitio libre, si, onde a comunicación o coñecemento estean dispoñíbeis e ao alcance de todas e todos, pero onde o que queiramos protexer sexa tamén protexido, comezando polos menores de idade. Isto vén a conto porque na xornada do 10 celebrouse o Día Internacional da Internet Segura e porque, en boa medida, gran parte dos usuarios, profesionais e entidades que traballan nela comparten a devandita arela: a de crear unha Rede libre de atrancos pero tamén de ameazas. Entre estas entidades situouse o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, que achegou na xornada un manifesto sobre as eivas que ten a día de hoxe a Sociedade da Información e as cousas que podemos ir facendo para emendalas dende tódalas frontes.

O CPETIG, para comezar e para poñernos en situación, fíxose eco dalgúns dos datos incluídos no último Informe sobre Ameazas á Seguridade en Internet realizado por Symantec, no que se revelan datos como o que se refire ao medre das fugas de datos experimentado ao longo de 2013, e que chegou a unha porcentaxe do 62%. “Como consecuencia”, sinalou o CPETIG, “ficaron expostas máis de 552 millóns de identidades”. Isto implicou, entre outras cousas, o roubo de información de tarxetas de crédito, de números de identidade, de enderezos en liña e postais, de teléfonos, de datos financeiros, de contrasinais de correos ou de información médica.

Segundo explicou o colexio galego, o que sabemos e coñecemos é só unha porcentaxe dun todo máis amplo. De feito, engadiu a entidade que preside Marcos Mata, a meirande parte dos ataques ás organizacións non son denunciados, especialmente en ámbitos bancarios, xa que as empresas prefiren asumir perdas antes que comprometer a súa imaxe pública e xerar desconfianza na súa clientela. “É dicir”, informou, “asistimos dende hai anos a un importante volume de cibercrime de base económica que está mergullado e do que non se teñen datos reais, unha situación posta de manifesto nas recentes Xornadas de Informática Xudicial celebradas en Santiago que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia”.

Para a entidade profesional galega, por desgraza está moi estendido o hábito da despreocupación no que refire a salvagardar o coñecemento. Polo tanto, explica o colexio, “hai un importante desinterese acerca de políticas de seguridade nas organizacións, sexan públicas ou privadas, e certas condutas que poñen en risco a información e os recursos empresariais e corporativos”. Pero hai máis razóns para preocuparse, insiste o colexio, que fala dunha crecente “deslocalización da actividade empresarial, “unha circunstancia que obriga ás compañías a afrontar desafíos na protección da súa información confidencial, derivados da mobilidade do persoal, e a minimizar a potencial fuga de datos, integrando a seguridade na cultura empresarial e avaliando constantemente os riscos de cada interacción con redes, dispositivos, aplicacións, datos e outros usuarios”

Para o CPETIG, hábitos como transferir arquivos dun dispositivo laboral a outro doméstico que non estea protexido, usar terminais persoais que non sexan tan seguros como os da oficina ou non empregar un protector de privacidade nun equipo portátil cando traballamos nun lugar público, facilitan o roubo de información.

A UDC recoñecerá os certificados de experiencia profesional do colexio

O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto Barbeito, asinou recentemente na Reitoría un convenio co presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia, CPETIG, Marcos J. Mata Mansilla, acordo que ten como finalidade o recoñecemento académico da experiencia profesional a través da certificación de experiencia profesional do CPETIG para perfís profesionais da Enxeñaría Informática (CEPRAL). Deste xeito, a Universidade recoñecerá en forma de créditos computábeis para obter o título oficial a experiencia profesional dos seus alumnos que teñen o certificado expedido polo Colexio sempre que a experiencia se relacione coas competencias inherentes aos títulos universitarios. O Colexio expedirá os certificados para os alumnos das titulacións que se imparten na Facultade de Informática da Coruña que así o soliciten.

Consulta la noticia